fbpx

Os operarios municipais veñen de rematar os traballos de mellora no Camiño de San Martiño, situado na parroquia de San Xoán. A tenente de alcalde, Chelo Besada, supervisou estes días a finalización dunha obra que se levou a cabo para completar ao 100% a dotación de servizos na contorna, xa iniciada no pasado. Deste xeito, o camiño pasa a contar con redes de saneamento, pluviais e abastecemento. Ademais, a tamén concelleira de Obras e Servizos explicou que a actuación serviu para ensanchar a vía, que a partir de agora pasa a contar cuns tres metros de ancho aproximadamente. A maiores, procedeuse a pavimentar unha superficie duns 100 metros de extensión aproximadamente.

As obras contaron cun presuposto de algo máis de 3.000 euros. Tal e como lembrou Besada, os operarios levan todo o verán traballando na posta a punto de diferentes camiños e accesos do rural. Recentemente tamén se procedeu á mellora do Camiño de Covelo, en Samieira, e ao bacheo doutras vías en Combarro e San Salvador. “Ao igual que ocorre co de San Martiño, son camiños que utilizan os veciños e veciñas de xeito habitual”, engade. O seguinte camiño en ser posto a punto será o de A Outeira, no lugar de Fontenla, cuxa mellora tivera que paralizarse no seu momento, ante a dificultade que presentaba a instalación da rede de pluviais, que mesmo obrigou a realizar un estudo topográfico previo.