fbpx

A concelleira de Deportes, Marga Caldas, mantivo hai uns días una nova reunión, vía telemática, con representantes de diferentes clubs e entidades que conforman o tecido deportivo do municipio, na que se trataron diferentes cuestións. De inicio, a edil interesouse pola situación na que se atopan as diferentes modalidades, en canto a inicios de competición e información facilitada pola federación correspondente. No encontro tamén se falou sobre a próxima tempada, que estará inevitablemente marcada pola situación derivada da Covid-19. Neste sentido, Caldas Moreira ten claro que “temos que estar moi pendentes da evolución da pandemia e adaptarnos ás circunstancias, pero os clubs teñen o noso compromiso de estar aí para darlle respostas ás súas necesidades”.

En principio, tanto os representantes das entidades deportivas como Marga Caldas acordaron iniciar as Escolas Deportivas a partir do vindeiro 1 de outubro, sempre e cando o contexto o permita. Previamente, haberá un prazo de preinscrición, co obxectivo de “ter unha previsión da demanda que imos ter este ano nas diferentes modalidades”. Ademais, a concelleira de Deportes deixa claro que se establecerán as pertinentes medidas de seguridade e limitacións nos distintos grupos de adestramento, en función das normativas da Xunta de Galicia e das federacións deportivas. Asemade, o Concello ten previsto establecer un protocolo de actuación en cada instalación, “adaptándonos ás características propias de cada modalidade”, incide Caldas.

Por outra banda, na reunión tamén se falou sobre as obras de remodelación que se acometerán no ximnasio municipal na cuberta do pavillón da Seca. A Concellería de Deportes continúa traballando para ofrecer aos clubs que usan habitualmente estas instalacións outras dependencias nas que poidan competir e adestrar mentres se leven a cabo estes traballos. “Á hora de buscar outros espazos temos moi en conta as necesidades de cada entidade”, indica Marga Caldas.