fbpx

O Punto Limpo Móbil mantivo unha gran actividade ao longo de todo o verán. Ata 396 persoas fixeron usos destas instalacións de carácter itinerante, nas que os veciños e veciñas de Poio poden depositar pequenas cantidades de residuos voluminosos e perigosos do fogar, que, logo do seu tratamento, pasan a entregarse a un xestor autorizado. Entre os restos depositados inclúense sobre todo electrodomésticos, mobles, restos textís madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Deste xeito, os meses de xuño, xullo e agosto aglutinaron boa parte do número de entregas que se veñen realizando por parte da cidadanía desde que o servizo, que é gratuíto, se puxo en marcha a principios deste ano. En concreto, as actuacións da tempada estival copan preto do 70% do total desde a estrea da prestación.

A maior actividade do Punto Limpo Móbil rexistrouse durante o mes de xullo, con 144 entregas. En xuño, foron 136 os elementos depositados nos recipientes habilitados para tal efecto, mentres que en agosto chegouse ata os 116. Mobles, electrodomésticos e restos de aparatos electrónicos conforman a maioría dos residuos que foron tratados nestas instalacións. De todos os emprazamentos nos que se instala, de xeito semanal, o Punto Limpo, foi en Combarro (concretamente, en Chancelas) onde houbo unha maior actividade, con 46 entregas realizadas en xuño, 65 en xullo e 43 en agosto. Cómpre lembrar que na primeira semana de cada mes fica no Parque de Costa Xiráldez (San Salvador), a segunda no aparcadoiro da Reiboa (A Seca, San Xoán) e a terceira na explanada de Chancelas (Combarro). Nestes tres emprazamentos permanece de martes a xoves, mentres que na última semana de cada vez estará martes e mércores na Praza Alfredo Romay de Samieira e xoves e venres na Rúa Leopoldo Nóvoa de Raxó. O horario de atención ao público seguirá sendo de 10.00 a 14.00 horas. Para poder facer uso das instalacións, os veciños e veciñas só deberán amosar o seu DNI.