fbpx

O Concello de Poio está poñéndose en contacto con todos os e as propietarias de parcelas afectadas por franxas secundarias dentro da parroquia de San Xoán, definida como prioritaria pola Comisión de Seguimento do Convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e a Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nestas franxas secundarias.

A través das cartas enviadas ás persoas que dispoñen destes terreos lémbraselles as súas obrigas, no que á xestión de biomasa se refire, conforme ao artigo 21 ter da Lei 3/2007. Neste sentido, o Concello lembra que esta obriga pode ser cumprida a través da xestión voluntaria polo titular da finca con anterioridade ao 31 de maio de cada ano. Esta ano, debido á situación derivada da crise sanitaria da Covid-19, ampliouse este período voluntario desde o 31 de maio ata o 16 de xullo. Ademais, nas parroquias priorizadas os titulares teñen tamén a opción de asinar o contrato de adhesión ao convenio. De formar parte do mesmo, terán a posibilidade de gozar dunhas taxas moi económicas para o mantemento das parcelas, que varían en función dos metros cadrados das mesmas.  As persoas interesadas en realizar esta xestión ou resolver calquera dúbida ao respecto poderá recibir máis información na Casa Consistorial ou acudindo a dúas reunións informativas que terán lugar o 29 de setembro na explanada da Seca e o 30 na Praza da Granxa, ambas ás 19.30 horas.