fbpx

A Comisión de Facenda deste mércores aborda, entre outras cuestións, o proxecto do novo regulamento orgánico municipal, a través do cal se rexen os órganos colexiados como plenos, Xuntas de Goberno ou as propias comisións. En principio, a intención dos dirixentes municipais é poder aprobalo na sesión plenaria ordinaria no vindeiro 29 de setembro. Os integrantes do Goberno local salientan que este é un documento no que se vén traballando desde hai meses, en cuxa elaboración participaron todos os catro grupos da Corporación municipal. A ordenanza vixente data de finais de 1995 e foi modificada en 2012. O Concello entende que o tempo transcorrido desde entón e a evolución experimentada pola normativa aplicable “xustifican a necesidade da revisión do seu contido”.

Deste xeito, apóstase por unha regulación máis flexible, que permita acomodar as sesións plenarias e o seu funcionamento ás esixencias que impoñen as demandas derivadas dun contexto “no que cada vez se esixe máis axilidade na capacidade de resposta por parte das entidades locais”. Ademais de regular o número e tempo de intervencións, entre outras cuestións, tamén se institucionaliza a figura da Xunta de Voceiros (organismo a través do cal, precisamente se foi traballando na elaboración deste documento) e se teñen en conta cuestións como a retransmisión en directo e as convocatorias vía telemática, unha fórmula á que foi necesaria adaptarse pola situación derivada da pandemia da Covid-19.

O proxecto do novo regulamento orgánico consta de catro títulos, 54 artigos e 4 disposicións, nas que se abordan todo tipo de cuestións, como, por exemplo, as intervencións de cidadáns e asociacións ante o Pleno da Corporación, para expoñer oralmente asuntos non engadidos na orde do día ou que si figuren na mesma. En ambos casos, as peticións deberán cursarse por escrito no Rexistro Xeral, cunha antelación mínima dun día á data da sesión. Os e as interesadas contarán con cinco minutos para realizar as súas exposicións, que non darán lugar a debate nin a toma de posesión por parte dos grupos. Só se admitirán dúas intervencións por cada Pleno.

Con respecto aos debates, estes comezarán cunha exposición por tempo máximo de cinco minutos, ampliable en situacións puntuais, como poden ser a aprobación de orzamentos ou asuntos nos que así se acorde por unanimidade, previamente, na Xunta de Voceiros. Unha vez realizada esta introdución, haberá unha quenda de intervencións para un dos representantes de cada grupo, tamén con cinco minutos de tempo máximo. A segunda quenda, pola súa banda, será de tres minutos. O presidente da Corporación dará por terminado o debate, que pechará o propoñente cunha última exposición, breve, de dous minutos de duración como máximo.

Outra novidade que incorpora este regulamento é que a presentación de mocións ou proposicións estará limitada a un máximo de seis por sesión, co obxectivo de garantir a operatividade e o correcto funcionamento corporativo. Tal e como lembra o Goberno local, xa nos últimos Plenos se seguiron estas directrices, a modo de proba. Unha vez que o documento sexa aprobado, deberá ser publicado previamente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) e non entrará en vigor ata que transcorra o prazo correspondente.