fbpx

A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra deu traslado hoxe, 21 de setembro, dos datos actualizados en canto á incidencia da Covid-19. Actualmente, en Poio hai 56 casos activos de coronavirus. O alcalde, Luciano Sobral, entende que “agora máis que nunca é moi importante apelar á responsabilidade de todos e todas as cidadás á hora de cumprir coas medidas de prevención. Todos e todas temos que implicarnos ao 100% para tratar de frear os contaxios”.

O rexedor non oculta que a situación “é preocupante”, pero tamén apunta que “somos conscientes de que a tendencia en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés leva semanas é de incremento no número de casos, por iso é importante que a cidadanía cumpra coas normas de hixiene e distanciamento, así como coas restricións establecidas actualmente. É a única maneira de que poidamos saír desta situación canto antes”, indicou.

Precisamente, Sobral participará este martes nunha reunión, vía telemática, co conselleiro de Sanidade, o xerente da EOXI e os alcaldes e alcaldesas da comarca de Pontevedra nos que tamén a Xunta acometeu restricións recentemente para tratar de frear a expansión do virus. Trátase dunha conferencia na que se valorará a situación actuar e de posibles novas medidas a acometer. O alcalde Poio garante a “total colaboración” coas administracións para atallar a crise sanitaria. Ademais de manter as súas propias medidas de prevención, o Concello facilitará á Xunta os listados do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Policía Local e taxistas para que se poidan someter ás probas PCR anunciadas hai uns días pola Xunta para estes sectores. Mantéñense operativas, ademais, as medidas impulsadas pola Administración local, como o reforzo de tarefas de limpeza e desinfección en Centros de Saúde, colexios e espazos públicos, así como a axuda a persoas maiores que o precisen e a recollida do lixo a domicilio a persoas en cuarentena, a través dos membros de Protección Civil. Tamén se optou por suspender temporalmente as actividades lúdicas que se desenvolven nas instalacións municipais.