fbpx




O cambio de denominación da avenida Francisco Regalado, unha medida impulsada desde a Concellería de Memoria Histórica e que foi aprobada no Pleno ordinario do pasado mes de febreiro, farase efectivo a finais de maio. A titular deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, confirmou este mércores que será o día 29 cando se celebre un pequeno acto en Combarro, no que se procederá a colocar as placas coas novas denominacións. Cómpre lembrar que a rúa pasará a contar con dúas nomenclaturas: Rúa Baixada á Chousa (que vai desde o inicio da actual avenida Francisco Regalado ata o número 44, inclusive) e o Paseo das Redeiras (desde o punto anterior ata o remate, nas inmediacións do peirao da Canteira).

O Concello comezou a remitir unha serie de cartas á veciñanza da zona, na que se lle dá cumprida información destas novidades. A misiva, asinada polo alcalde, Luciano Sobral, e a propia titular de Memoria Histórica, vai acompañada dun plano do rueiro municipal, no que se detalla a nova denominación, así como os cambios existentes na numeración. Neste sentido, aclárase que estas modificacións afectan ao que será o novo Paseo das Redeiras, quedando o primeiro tramo como estaba ata o de agora. Tal e como se lembra nestas cartas, esta iniciativa cristalizou “grazas á implicación dos colectivos culturais e veciñais da parroquia de Combarro”, para o cal se impulsou un proceso participativo, no cal, lembra Marga Caldas, “as propostas xiraron en torno á recuperación da toponimia tradicional, así como ao recoñecemento ao labor das mulleres na actividade económica e na vida social da vila, e á democratización das denominacións, coa supresión daquelas que estean vencelladas á ditadura franquista”.

A concelleira de Memoria Histórica aproveitou a ocasión para, unha vez máis, agradecer a implicación e o interese do tecido cultural e social á hora de participar neste proceso. Caldas Moreira asegura que “desde o Concello seguiremos dando pasos e tramitando actuacións que garantan esta hixiene democrática, apostando por aplicar novas denominacións a espazos públicos e rúas do noso municipio que a día de hoxe aínda fagan referencia a unha das épocas máis obscuras do noso país”. Para iso, continuarase apostando pola filosofía mantida con Francisco Regalado, tendo en conta a toponimia local galega e dando visibilidade á figura da muller, habida conta de que boa parte do rueiro de Poio conta con nomes que corresponden a referencias masculinas. “Cumprimos, deste xeito, coa liña que se recolle na nova Ordenanza para o Impulso da Lingua Galega, que aprobados hai uns meses e que era necesaria para actualizar a anterior normativa do ano 1993”, remata a concelleira do BNG.