fbpx

Cos votos a favor dos tres grupos de Goberno (BNG, PSOE e Avante Poio) e os votos en contra do Partido Popular, o Pleno procedeu, na súa última sesión ordinaria, ao peche e liquidación definitiva da conta xeral correspondente ao Orzamento de 2019, que deixou un remanente de Tesourería que ronda os 2,5 millóns de euros aproximadamente. Tal e como explicou durante o debate plenario o concelleiro de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, esta aprobación definitiva realízase despois de que se completase toda a tramitación previa, incluída a exposición pública, durante a que non se rexistrou ningunha alegación.

Maila que, inicialmente, a cifra inicial do Orzamento correspondente ao exercicio anterior quedara fixado en 12.646.000 euros, o crédito final achegouse aos 17,4 millóns, grazas á obtención de achegas que inicialmente non se contemplaban no documento, que foi elaborado atendendo “a criterios de prudencia”. Sobre as críticas realizadas pola oposición con respecto ao incumprimento da regra de gasto, Barreiro insistiu unha vez máis en que “para este Goberno local a prioridade é achegar servizos que melloren a calidade de vida dos veciños. Esa regra de gasto creouse no seu día para evitar o endebedamento das administracións públicas e establece que os gastos non poden superar o 3% do remanente. Cando se xeran máis ingresos e a tendencia é de crecemento, como sucede no caso de Poio, a regra é máis difícil de cumprir. Poderiamos destinar os recursos exclusivamente á amortización da débeda, pero entendemos que é prioritario achegar servizos aos veciños”, subliñou o responsable de Facenda, que cita como exemplos as obras desenvolvidas na posta a punto de Pernas Peña, na Caeira, ou na Seara, impulsados a través de fondos propios.

Con respecto á débeda, actualmente está fixada nun 48%, moi lonxe do 115% que permite a normativa vixente.