fbpx

 

 
 
O vindeiro martes 25 de agosto terá lugar un Pleno extraordinario, no que se abordarán diferentes temas. Un deles ten que ver cunha modificación de crédito, que servirá para que se poidan utilizar fondos que, inicialmente, estaban destinados á organización de diferentes eventos e festas que non se puideron celebrar por mor da crise sanitaria derivada da Covid-19. Trátase dunha partida que se destinará ao pago de varias actuacións, así como para o departamento de Servizos Sociais.
 
Así o confirmou na mañá deste mércores o concelleiro de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, unha vez finalizada a Comisión de Facenda, na que se tratou esta cuestión. En total, a contía ascende a uns 73.500 euros aproximadamente, que, nun principio, íanse destinar á organización da Festa do Mar e da Ameixa, así como a outras festas patronais e verbenas nas parroquias. Cómpre lembrar que, ante a situación derivada pola expansión do coronavirus, o Concello optou pola suspensión de eventos masivos e, a través das concellerías de Festexos e Cultura, impulsou o programa Reinicia o Verán, que ofrece actividades lúdicas ata setembro, todas elas con aforo controlado e medidas anti Covid-19.
 
Barreiro explicou que esta modificación de crédito é necesaria para que estes fondos se poidan destinar a outras actuacións diferentes. Así, no expediente consta que preto do 50% da contía total (uns 35.000 euros) serán para facer fronte aos custes derivados de obras en Combarro, en materia de soterrado de liñas e dotación de redes de pluviais. A isto hai que engadirlle outros 22.000 euros destinados a melloras  en diferentes vías e camiños, que inclúen tarefas de asfaltado e dotación de ‘lombos’. O Goberno local tamén aposta por achegar 6.600 euros ao Fondo de Emerxencia Social, a través do cal o departamento de Servizos Sociais axuda ás familias en risco de exclusión ou que estean atravesando dificultades económicas. Xa vimos destinando fondos a EMERXENCIA COVID19 tanto no eido sa seguridade como no que ten que ver cos servicios sociais. Dar resposta as necesidades da veciñanza é prioritario para este Goberno por iso tamén priorizamos en obras, dado que os servicios de emerxencia social xa estan sendo prioritarios dende  o inicio da pandemia.