fbpx

O Pleno da Corporación aprobou, co voto a favor de todos os grupos, unha moción impulsada polo Goberno municipal, en defensa dunha atención sanitaria digna para Poio. Grazas a este acordo, o Concello constitúe a Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios do concello de Poio”, unha entidade que estará presidida polo alcalde, Luciano Sobral, en calidade de voceiro, e que, entre os obxectivos que busca, inclúese esixir á Consellería de Sanidade a construción dun novo Centro de Saúde na vila, á vez que se manteñen operativos os consultorios de Raxó e Combarro. Tal e como salienta a moción elaborada polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio, a situación sanitaria no municipio “hai décadas que vén sendo insuficiente, con apenas tres consultorios desbordados, que presentan graves carencias estruturais no que a instalación e dotación de profesionais e medios materiais se refire”. Este feito xera problemas denunciados xa en innumerables ocasións tanto por parte de usuarios e usuarias como do persoal e do propio Concello, vencellados sobre todo ás agardas para pedir cita, que se poden prolongar ata en dez días, segundo lembraron onte os voceiros do Goberno local.

Unha vez constituída esta mesa, o seguinte paso a dar será acordar o calendario de accións e mobilizacións para reclamar unha atención sanitaria digna. Ademais, procederase a impulsar unha campaña informativa, para “trasladar á Plataforma da Sanidade en Poio, aos colectivos sociais e á veciñanza en xeral o estado da situación da sanidade no noso concello”.

A través desta mesa, insistiráselle ao Sergas para que dea resposta ás consultados realizadas ata o momento pola Administración local para obter “información detallada de cal é a situación da cobertura de baixas e permisos do persoal de Atención Primaria no noso municipio”. Outra esixencia que se lle traslada ao departamento autonómico é a restitución da atención médica presencial, de xeito que se reserve a atención telefónica “para a xestión daquelas cuestións vencelladas directamente coa pandemia da Covid-19”. O Concello tamén aposta por sumarse ás mobilizacións e demandas da Plataforma SOS Sanidade Pública Galega contra as limitacións de acceso á Atención Primaria.

O Goberno local ten claro que a crise sanitaria derivada da Covid-19 “deixou en evidencia as fraquezas e carencias da xestión do sistema sanitario, consecuencia do proceso de desmantelamento e as políticas de recortes levadas a cabo pola Xunta de Galicia”.