fbpx

‘Desexar(nos), Coidar(no), Autocoidado e afectividade nos tempos da Covid-19’ é o nome do taller que será impartido durante o mes de novembro, e que comezará o vindeiro martes, entre o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Trátase dunha serie de sesións, de 50 minutos de duración, que serán impartidas pola psicóloga Andrea Sieiro e que está impulsada pola Concellería de Educación, en colaboración coa comunidade educativa do instituto.

Os obxectivos que se perseguen mediando o desenvolvemento desta actividade é facilitar pautas aos mozos e mozas para que coñezan, identifiquen e acepten as emocións derivadas da situación xerada pola pandemia, así como achegarlles estratexias de autocoidado emocional e axudar a favorecer que tomen as súas decisións de forma libre e responsable. Raquel Rodríguez, edil de Educación, considera que “no contexto no que nos atopamos, e sabendo o duro que resultou o confinamento para a xente nova, xa que se viu na obriga de modificar as súas pautas de comportamento e da súa vida social, queremos axudalos a que aprendan a mudar aqueles pensamentos inadecuados por outros adaptativos, a través de fórmulas para manexar o malestar ou substituír sensacións negativas por outras máis positivas”.

Os contidos do taller divídense en dúas sesións para cada grupo, ambas de 50 minutos de duración. Na primeira delas, farase fincapé en cuestións como as emocións, o desexo e as relacións na era da Covid-19, mentres que a segunda centrarase no autocoidado, a afectividade e o consentimento. A iniciativa desenvolverase cumprindo con todos os requisitos e medidas de seguridade, distanciamento e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias.