fbpx

O Concello de Poio trasladou esta mañá o seu apoio ao sector hostaleiro local e comprometeuse a dar traslado das súas propostas e iniciativas á Xunta de Galicia, a raíz das novas restricións que entrarán en vigor a partir da medianoite do sábado 7, que inclúen o peche da actividade deste sector ata o vindeiro 4 de decembro, o que supón un duro golpe para un dos motores económicos principais do municipio. Ademais, o Goberno local corrobora o seu compromiso para promover tamén iniciativas que, dentro das súas posibilidades, tamén sirvan para axudar a estes profesionais, tal e como se vén facendo desde o comezo do primeiro estado de alarma o pasado mes de marzo.

O alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, participaron na reunión telemática con representantes do sector, que veñen de crear unha nova plataforma para reivindicar solucións para unha das áreas máis castigadas polas diferentes medidas que se veñen aplicando desde a Xunta para tratar de frear a propagación da Covid-19. Tanto os responsables municipais como os hostaleiros amosáronse de acordo na necesidade de ir da man á hora de loitar contra a expansión do virus, pero sen perder de vista o eido económico. Neste sentido, o Concello súmase á reclamación de que a Xunta de Galicia tramite no menor tempo posible as axudas anunciadas para tratar de paliar as perdas económicas que sufrirán os profesionais con este cese de actividade. “Non pode chegar o mes de decembro e que esas achegas estean aínda sen tramitar”, sinalaron os membros do Goberno local, que tamén consideran que coinciden coa preocupación amosada polos hostaleiros á hora de referirse ás medidas adoptadas ata o de agora pola Administración autonómica, así como que este sector leve no punto de mira practicamente desde o inicio da pandemia. O Concello lembra que “a hostalería foi a primeira en pechar no confinamento e a última en retomar a actividade. Agora, vese abocada a un novo cese que pode resultar fatal para o futuro”, advirte o Goberno local, que entende que as fórmulas para loitar contra o virus tamén deben pasar por unha mellora da asistencia sanitaria e por poñer o foco tamén noutros eidos.

Os profesionais do sector agradeceron ao Concello a súa implicación, mentres que tanto o alcalde como os concelleiros presentes na reunión comprometéronse a continuar mantendo reunións telemáticas para continuar con este traballo conxunto. Ademais, o Goberno municipal lembra que estes profesionais teñen á súa disposición o programa Poio Confía, impulsado precisamente para proporcionar información e asesoramento sobre todo o relacionado coa Covid-19, as axudas ás que poden acceder ou protocolos de seguridade a empresas, autónomos e negocios de diferente índole.

Reunión virtual coa Consellería de Sanidade

Varias das peticións e inquedanzas dos profesionais foron trasladadas polo alcalde ao conselleiro de Sanidade, nunha reunión telemática mantida a última hora da mañá entre o titular deste ente autonómico e os alcaldes e alcaldesas dos concellos da bisbarra de Pontevedra aos que lle afecta o peche perimetral e o resto de medidas restritivas. Neste aspecto, Sobral incidiu na necesidade de que o sector poida retomar a súa actividade canto antes e se axilicen as axudas “para paliar as consecuencias económicas destas medidas. Sabemos que o primeiro é a saúde, pero non podemos perder de vista a economía”, salientou. Ademais, o rexedor fíxose eco da sorpresa causada entre o sector polo feito de que estas medidas non se apliquen nun concello limítrofe como é o caso de Sanxenxo.