fbpx

O Concello de Poio avanza na posta ao día do Rexistro de Asociacións e Entidades Cidadáns, unha medida que ten como obxectivo axilizar e simplificar a comunicación entre os colectivos do municipio e a propia Administración municipal. Este asunto abórdase na Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes deste mes de novembro.  

A presidenta desta comisión e responsable de Transparencia e Participación Veciñal, Silvia Díaz, explica que “unha das cuestións nas que queremos facer fincapé é na importancia dos medios telemáticos. Atopámonos actualmente nun contexto no que, por mor da pandemia da COVID-19, faise máis necesario ca nunca ofrecer ao noso tecido social ferramentas ‘on line’ para realizar as súas xestións”. Ademais, Díaz tamén se marca como meta achegar aos colectivos unha maior presenza e difusión, en aras de dar a coñecer o labor que desenvolven e as actividades que organizan, a través da páxina web municipal.

Todos aqueles colectivos que forman parte do rexistro deben presentar anualmente a memoria de actuacións , así como o orzamento do que dispoñen e información actualizada na que figuren datos de contacto, a composición da súa directiva ou o número de persoas asociadas. Estes documentos terán que renovarse cada ano, o que facilitará a axilización nas tramitacións a realizar nese período. Ademais, o Concello tamén ofrece a posibilidade de achegar información a maiores, como o perfil da veciñanza á que se dirixen as súas actividades, programación básica ou os seus espazos virtuais e páxinas web.

Con respecto aos requisitos que deben cumprir as asociacións rexistradas, estas deberán de ser entidades de carácter asociativo, sen ánimo de lucro, cuxo domicilio social e as actividades que desenvolven sexan en Poio. Os seus fins deberán estar vencellados a cuestións como a defensa dos intereses da veciñanza, do medio ambiente ou a posta en valor e fomento da cultura, o deporte ou da actividade social local.