fbpx

A Concellería de Memoria Histórica está a ultimar unha proposta, a través da cal se pretende modificar a denominación da avenida Francisco Regalado de Combarro, que vai desde o cruce da PO-308 á altura no núcleo urbano ata a subida do porto da Canteira, atravesando parte da Praza da Chousa e do paseo do peirao. O proxecto desenvolvido polo departamento dirixido pola nacionalista Marga Caldas propón diferenciar nomes para dous tramos. O primeiro deles, entre a rotonda e a Praza A Chousa, pasaría a chamarse Rúa Baixada á Chousa, tal e como se falou cos colectivos locais durante as conversas mantidas á hora de informar e ter en conta as súas achegas neste proceso.

Con respecto ao paseo que vai desde A Chousa ata a praia da Canteira, Caldas Moreira entende que “é un tramo no que xa non hai baixada, polo que entendemos que é preciso apostar por outra nomenclatura”. A intención do departamento municipal é, sempre en consenso cos colectivos, “apostar por algún nome vencellado a oficios tradicionais desenvolvidos por mulleres, para poñer en valor o seu esforzo e traballo”, sinala a edil do BNG, que explica que unha das opcións a valorar é a das redeiras.

Deste xeito, o Concello dá un pulo ao proceso de muda de denominación daquelas rúas que na actualidade teñen nomes vencellados ao réxime franquista, como precisamente é o caso de Almirante Francisco Regalado. “É algo que debemos facer por hixiene democrática”, asevera Marga Caldas, que apunta que a proposta de Baixada á Chousa foi consensuada con representantes de diferentes colectivos do tecido social e cultural de Combarro, a través dunha xuntanza  a principios deste ano, na que se tiveron en conta as propostas e achegas e puntos en común, como o feito de non apostar por nomenclaturas de persoas, en favor da toponomia local. Precisamente, a última reunión realizouse, vía telemática, hai apenas uns días. “A situación provocada pola pandemia da Covid-19 obrigounos a pospoñer temporalmente este proxecto, pero agora retomámolo e agradecemos a implicación e o interese amosado polas agrupacións á hora de facer as súas achegas”, indica a edil de Memoria Histórica, que explica “con Baixada á Chousa preténdese recuperar a microtoponimia tradicional no proceso de nomeamento das rúas. En décadas anteriores escolléronse denominacións honoríficas ou nomes de países, cidades ou ríos galegos, algo que se foi perdendo co paso do tempo e do desenvolvemento urbanístico”, sinala Caldas Moreira.

Con respecto ao tramo ata A Canteira, a concelleira do Goberno local entende é prioritario poñer en valor a feminización á hora de bautizar rúas, toda vez que a maioría das mesmas corresponden a nomes de homes. “Seguiremos escoitando as achegas e proposta que nos fagan os colectivos para nomear este tramo cun oficio que resalte a importancia da muller no eido laboral e tradicional do noso pobo. Desde logo, cremos o que das redeiras ten un encaixe xustificado”, sinalou Caldas Moreira, que ademais, explicou que o Concello buscará fórmulas para compensar, en caso de que sexa necesario, os posibles custes que teñan que tramitar os negocios situados nesta rúa polo seu cambio de nome.

A intención do Concello é que o Pleno da Corporación aprobe esta proposta antes de que finalice o ano.