fbpx

A Concellería de Benestar Social e Mocidade lembra á veciñanza que aínda é posible tomar parte na campaña solidaria ‘Un xoguete, un sorriso’, na que se implica o departamento dirixido por Rosa Fernández para favorecer que os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas de Poio gocen tamén de regalos de Nadal. A iniciativa finalizará este venres, 27 de novembro. A edil destaca a boa acollida que, un ano máis, está a ter esta actividade e agradece a implicación e esforzo realizado por Silvia Ramírez. Esta veciña de Samieira leva anos impulsando campañas solidarias deste tipo e, neste caso, asume traballos como o empaquetado das doazóns.

O único requisito que se solicita ás persoas que fagan entrega dos xoguetes é que estes se atopen en bo estado. As doazóns poden deixarse nas dependencias da Casa Rosada. “Xa contamos cunha cantidade importante e confiamos que nestes últimos días aínda recibamos algún máis, para conseguir que ningún neno ou nena se quede sin sorriso neste Nadal”, indicou.

Por outra banda, tamén segue activa a campaña ‘Neste Nadal pon un prato máis!’, na que participan a parroquia de Combarro, a Asociación Virxe da Renda e o departamento municipal de Servizos Sociais. O seu coordinador é o intérprete e compositor local Miguel Martínez, que impulsa a actividade co obxectivo de reunir alimentos, a través de doazóns desinteresadas, que, posteriormente, serán repartidos entre as familias do municipio que se atopan en dificultades económicas ou en risco de exclusión. As entregas pódense realizar na igrexa de San Bernardo os días de misa, se ben tamén é se ofrece a opción de recollida a domicilio, previa chamada á Casa Rosada.