fbpx

A Corporación municipal vén de aprobar por unanimidade a nova ordenanza impulsada a través da Concellería de Normalización Lingüística de impulso do galego no Concello de Poio. Este tema foi abordado na sesión plenaria do pasado martes e contou co respaldo de todos os grupos. Tal e como defendeu a titular desta área, Marga Caldas, “abrimos unha nova etapa no que se refire ao impulso do noso idioma.

Temos claro que é necesario dar vida a un regulamento que se adapte á nova realidade. Deste xeito, actualizamos o texto anterior, que data de 1993”. A concelleira do Goberno local indicou, asemade, que, ademais de manter a regulación do galego en apartados como a atención ao público ou a realización de diferentes tramitacións, “agora tamén se incide en cuestións importantes como é a toponimia”.

O Concello ten claro que “o galego debe ser unha ferramenta útil e inclusiva, tanto dentro como fóra da propia institución, máxime nunha época na que a Administración está cada vez máis dixitalizada, o que fai máis necesario, se cabe, este regulamento”. En principio, o documento constará de 14 capítulos, 23 artigos e unha disposición adicional, a través dos cales se regulará o uso do galego e nas actuacións administrativas e en cuestións como a atención cara o público, tarefas de documentación, publicacións e accións informativas, merca de bens e materiais, contratacións de servizos, sinalizacións e rotulados ou relacións con empresas privadas. Tamén regulará todo o vencellado á toponimia, rueiro, emprazamentos ou edificacións.

A folla de ruta da Concellería de Normalización Lingüística tamén pasa por impulsar iniciativas e campañas de promoción do galego, que se centrarán especialmente no eido empresarial, asociativo e educativo local, así como para a mocidade.