fbpx



Preto de 100 nenos e nenas das familias con menos recursos do municipio de Poio non se quedarán sen agasallos neste Nadal. Todo isto grazas á campaña solidaria ‘Un xoguete, un sorriso’, que este venres pechou o prazo para realización de doazóns superando todas as expectativas. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosa Fernández, expresa o seu agradecemento á veciñanza pola súa implicación, que fará que “moitas crianzas poidan tamén gozar cos seus agasallos”.

A edil do PSdeG-PSOE explica que as achegas non só foron realizadas por persoas residentes en Poio. “Tamén nos chegaron xoguetes desde Pontevedra”, explicou. Ademais, cumpriuse co requisito de que estes xoguetes estivesen en bo estado. A partir de agora, procederase á súa limpeza e empaquetado, para seren repartidos durante o Nadal entre aproximadamente medio cento de familias que se atopan nunha situación de risco económico.

Fernández González calcula que este ano “practicamente dobramos a cantidade acadada o ano pasado. A xente respondeu moi ben, consciente de que, agora máis que nunca, as familias máis desfavorecidas, e, especialmente os cativos e cativas, atravesan uns momentos difíciles, por mor da pandemia da COVID-19”. Libros, carteiras, xogos de mesa, bonecas, un reloxo dixital, bicicletas e patíns forman parte deste particular ‘botín’, que se almacena actualmente no salón de actos na casa Rosada.

A concelleira de Benestar Social non só expresa o seu agradecemento ás persoas que realizaron estas doazóns, senón que fai fincapé no “impagable labor” desenvolto por Silvia Ramírez. Esta veciña de Samieira, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva da parroquia, leva moitos anos impulsando diferentes iniciativas en chave solidaria. “Nesta ocasión, debido á COVID-19, non se poden celebrar citas como o Festival Solidario, pero Silvia non dubidou en adicarnos boa parte do seu tempo persoal para, de xeito totalmente altruísta, implicarse nesta campaña”, louva Fernández, que indica, por exemplo, que ela é a encargada de empaquetar e preparar todos os agasallos antes do seu reparto.