fbpx

A veciñanza de Poio está moi concienciada no que á reciclaxe de residuos se refire. Esta é unha das conclusións que se poden extraer dos datos correspondentes á recollida anual de residuos, correspondente ao exercicio de 2020. Á falta de completar as cifras correspondentes ao mes de decembre, a empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza, retirou un total de 268.740 quilogramos correspondentes a envases lixeiros, aos que hai que engadir outros 190.850 de cartón.

Deste xeito, a media de quilos reciclados nestes apartados é, respectivamente, de 15,7 e 11,17 por habitante. No caso dos envases lixeiros (plástico, pequenos metais e bricks) Poio supera de xeito folgado a media de Galicia, que en 2019 foi de 12,9 quilos por habitante, segundo os datos que manexa Ecoembes. A cifra é practicamente idéntica á acadada na vila no exercicio pasado (15,8) e supera todos os rexistros correspondentes ao resto de anos da presente década. De feito, practicamente dobra as cantidades de 2011 e 2012 (8,3 e 8,6, respectivamente).

Onde se constata unha suba importante é na reciclaxe de cartón. A media de 2020 sitúase en 11,17 quilos por habitante, mentres que en 2019 quedouse nun 7,3. Este é o mellor dato acadado desde 2011. Anteriormente, o récord estaba establecido nos 9,1 correspondentes ao exercicio de 2013. Pola contra, é na recollida de vidro onde se experimenta unha notable baixada se se compara con anos pretéritos. Neste caso, o Goberno local ten claro que esta situación non se debe á falta de compromiso da cidadanía, senón aos efectos provocados pola pandemia da COVID-19. “O confinamento e as posteriores restricións motivaron que sectores coma a hostalería tivesen que cesar a súa actividade, de aí que se recollesen menos restos deste tipo”, explica a concelleira de Servizos Municipais e tenente de alcalde, Chelo Besada. Entre xaneiro e novembro de 2020 tratáronse 469.200 quilos deste tipo de residuos, o que supón unha baixada do 25% con respecto a 2019 (613.550).

No caso da reciclaxe de vidro, Poio leva varios anos sendo un dos municipios da provincia de Pontevedra con mellores resultados en canto á implicación da veciñanza se refire. Así consta nos informes anuais publicados por Ecovidro, que amosan que o municipio estivo entre os primeiros en Pontevedra nesta faceta entre 2015 e 2019. De feito, houbo exercicios nos que se chegou a superar o millar de toneladas retiradas, como sucedeu en 2018, superando, incluso, á capital da provincia. O Concello de Poio conta actualmente con 353 contedores de envases lixeiros, 170 de papel e cartón e 190 vidro, repartidos polas cinco parroquias.

En total, a empresa responsable da recollida de residuos retirou 7.645.410 quilogramos de restos, sendo o mes de agosto o de maior incidencia, con 828.300 quilos.