fbpx

A actividade turística no ano 2020 estivo marcada irremediablemente pola COVID-19. A pegada deixada pola crise sanitaria derivada desta pandemia notouse especialmente neste sector, que foi un dos máis castigados a todos os niveis. Poio non foi unha excepción, pero, aínda así, rematou o pasado exercicio con algúns datos que fan mirar o futuro cun optimismo moderado. Unha das cifras a ter en conta é o número de aloxamentos turísticos cos que conta a vila na actualidade. Segundo as estimación do Instituto Galego de Estadística (IGE), o concello de Poio pechou 2020 acadando un récord de prazas, superando con creces as 3.000, unha cantidade nunca antes acadada.

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, explica que o ano pasado pechouse con 3.179 prazas hoteleiras no municipio, repartidas en 278 establecementos diferentes. Isto tradúcese nun incremento de preto dun 8% con respecto ao 2019, cando constaban nos rexistros un total de 2.952, correspondentes a 239 negocios. A diferencia aínda é maior se se compara co 2018, cando existía un censo de 2.330 aloxamentos en 177 establecementos, que inclúen hoteis, pensións, campamentos, apartamentos vivendas turísticas e vivendas para uso turístico. Estas últimas comezaron a contabilizarse de xeito oficial en 2018, cun ascenso tamén progresivo.

Na actualidade ofértanse en Poio 230 vivendas para uso turístico, 38 máis que en 2019 e 98 a maiores se a comparativa se establece co exercicio de 2018. A edil de Avante Poio tamén destaca a estabilidade que se mantén no número de prazas de hoteis, fixada en 1.117 segundo os datos do IGE. “O ano 2020 resultou moi duro, pero o noso concello continuou sendo un destino turístico de referencia en Galicia”, lembra, como así o demostra o 70% de ocupación acadado no mes de agosto, unha porcentaxe moi meritoria tendo en conta que “daquela xa se estaban a notar as consecuencias negativas da COVID-19 no sector”. A responsable do departamento de Turismo salienta os esforzos constantes que realizaron os profesionais do sector, tanto á hora de buscar fórmulas para adaptarse a este contexto tan complicado como para dar cumprimento coas diferentes restricións e medidas que se foron adoptando co paso dos meses.

Silvia Díaz confía en que a situación mellore ao longo deste ano. “Agardamos que a chegada das vacinas e a concienciación e o coñecemento cada vez maior que temos sobre a COVID-19 axuden a que o sector poida experimentar un pulo en 2021, aproveitando tamén o Xacobeo”, sinala a edil de Avante Poio, que avanza tamén que a Concellería de Turismo segue a traballar para continuar consolidando o municipio como un destino de referencia do norte da península, así como en favor da desestacionalización, aproveitando os grandes recursos dos que dispón o municipio en eidos como a natureza, o medio ambiente, o patrimonio ou a gastronomía.