fbpx

O Concello de Poio prevé sacar proximamente a licitación  o proxecto de mellora da rúa Lameiriña, situada na parroquia de Raxó. A Administración municipal debe volver a poñer en marcha esta tramitación, logo que de a obra fose adxudicada inicialmente a Nexia Infraestruturas. O repentino cese de actividade desta entidade a principios de 2020 impediu que os traballos se puidesen desenvolver.

A concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, lembra que a actuación contempla a dotación dunha nova superficie de empedrado, a través dunha extensión aproximada duns 600 metros. A edil do PSOE confía en que a adxudicación do proxecto, que está valorado en algo máis de 200.000 euros (IVE engadido), poida completarse nunhas semanas. Ademais, o Concello aproveitará para ampliar o proxecto inicial, engadindo unha segunda fase que permita estender o novo empedrado ata o núcleo de Caneliñas, onde xa existe este tipo de firme.

Besada lembra que a quebra de Nexia non só afectou ao desenvolvemento deste proxecto, senón tamén a outros como a construción dun novo vial na Caeira, na parroquia de San Salvador. Estes traballos puidéronse retomar hai unhas semanas, logo de repetir o proceso de licitación, resultando adxudicataria a firma EC Casas. O orzamento para as obras aínda pendentes, que concluirán nuns tres meses aproximadamente, ascende a máis de 72.000 euros. Nexia tampouco rematou a humanización da Seara, cuxa tramitación tamén está en marcha.

No caso da rúa Lameiriña, o Concello aposta pola dotación dunha superficie de empedrado para dar solución definitiva aos problemas provocados polo deterioro do firme. A tenente de alcalde explica que os operarios municipais veñen realizando de xeito periódico tarefas de mantemento e bacheado, pero “é necesaria unha actuación máis ambiciosa. A nosa intención era que esta obra xa estivese feita, pero o cese de Nexia e o posterior confinamento, que obrigou a paralizar durante meses toda a actividade administrativo, demoraron o proceso. Ademais, no caso de Lameiriña esta empresa non chegou a realizar ningún traballo, a diferencia do que sucedeu na Seara”, lamentou Chelo Besada, que confía en que as obras se poidan executar canto antes.

Con respecto á dotación do empedrado, o Concello aposta por esta superficie por varias razóns. Ademais de ser unha superficie moi resistente e duradeira, tamén é moi respectuosa na contorna, poñendo en valor este núcleo, algo importante “tendo en conta que nesta zona hai varias vivendas tradicionais”, puntualiza a tenente de alcalde socialista. Este tipo de superficie xa se aplicou noutras actuacións similares acometidas pola Administración municipal, como é o caso da humanización da Seara ou en Tarrío, na parroquia de Samieira.