fbpx

O Camiño da Outeira, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán, contará cunha nova superficie de pavimento. Estes traballos, que darán comezo proximamente, servirán para completar unha actuación impulsada desde a Concellería de Obras e Servizos, dirixida pola tenente de alcalde, Chelo Besada, co obxectivo de mellorar substancialmente unha zona de tránsito que é moi utilizado por veciños e veciñas da zona, especialmente por parte do alumnado do instituto de Poio.

A concelleira socialista sinala que os traballos para dotar ao camiño desta nova superficie ascenderán a uns 15.000 euros aproximadamente. Ademais, os operarios tamén procederán a habilitar sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria dos usuarios e usuarias. Outra actuación que se inclúe neste proxecto é a dotación dunha cuneta e unha nova tubaxe que se destinará á canalización das augas pluviais. “Confiamos en que as obras se poidan desenvolver coa maior axilidade posible, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan”, asevera Chelo Basada, que sinala que, precisamente, a choiva ralentizou o ritmo dos traballos durante as últimas semanas do ano, antes do parón na actividade que experimentou o sector da construción por mor do Nadal.

A edil do Goberno municipal lembra que o Concello xa desde hai tempo procedeu a ampliar a anchura de boa parte deste camiño, para facilitar o tránsito dos e das estudantes e dando así resposta a unha demanda veciñal. Neste sentido, Besada quixo agradecer a implicación dos propietarios dos terreos situados na zona, que non dubidaron en ceder partes das súas parcelas para que a ampliación puidese ser unha realidade. “Para evitar que a climatoloxía afectase ao estado do camiño, procedeuse a habilitar unha capa provisional de xabre, ata que se poida realizar o aglomerado”, indica a tenente de alcalde. Ademais, Besada salienta a dificultade que presentou a realización desta actuación, debido ás características do terreo. De feito, para poder habilitar a canalización de pluviais foi necesaria a realización dun estudo topográfico previo, algo que provocou a demora nos prazos. “Era unha medida necesaria que, tal e como se comproba agora, resultou un acerto, xa que, ademais de converter un antigo carreiro nun camiño en moi boas condicións, pódese dotar a este espazo dun novo servizo como é o de recollida de augas pluviais”, indicou a concelleira de Obras e Servizos.

Esta actuación da continuidade ao programa desenvolto polo departamento dirixido pola concelleira do PSdeG-PSOE para a mellora dos camiños do rural. Actuacións moi similares serviron, por exemplo, para ampliar e dotar de nova pavimentación a un tramo do vial do Pereiro, ata Esperón (San Xoán), así como para aumentar a anchura do Camiño de San Martiño, que, grazas á intervención do Concello, tamén pasou a contar desde o pasado verán con servizos como saneamento, pluviais e abastecemento.