fbpx



A concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, recibiu da ACDeM Armadiña varios exemplares do cómic ‘O último festi’, unha iniciativa impulsada pola agrupación cultural de Combarro como novidosa alternativa ao tradicional Festival Armadiña Rock, que o ano pasado non se puido celebrar como consecuencia da pandemia da COVID-19.

A concelleira do Goberno municipal recibiu os exemplares de mans da presidenta do colectivo, Luz Fontán, e expresou o seu agradecemento por esta doazón. Rodríguez Alonso explicou que estes tomos estarán a disposición da cidadanía nas dependencias da Biblioteca Municipal, situada en Campelo, así como no IES Poio. “Queremos axudar a poñer en valor e difundir o impresionante labor que realizan as nosas asociacións, especialmente nestes tempos tan complicados, e dos que Armadiña é o exemplo perfecto”, indicou a titular de Cultura e Educación. ‘O último festi’ consta de 48 páxinas e foi ilustrado por Pablo Prado, con guión de Fernando Llor. A historia conta as peripecias dun grupo de amigos e amigas que acoden ao seu último festival antes de separárense para iniciar os seus estudos universitarios. A narración está ambientada no Armadiña Rock.

Esta foi unha das alternativas impulsadas pola ACDeM á hora de impulsar iniciativas que servisen para manter vivo o espírito deste evento, que é todo un referente a nivel galego.