fbpx

O primeiro Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) de Poio, inaugurado a finais de outubro do ano pasado, está funcionando a pleno rendemento. Menos de tres meses despois da súa posta en marcha, son moitos os veciños e veciñas da contorna da Rúa Rosalía de Castro, onde se empraza este dispositivo, os que se benefician desta prestación, que ten coma obxectivo fomentar a separación e recollida de residuos, obtendo, deste xeito, unha maior eficacia a nivel ecolóxico e, ademais, reducindo os custos correspondentes ao tratamento do lixo.

En vista da boa acollida que está a ter o composteiro, e habida conta da demanda existente por parte da cidadanía, o Concello de Poio prevé instalar proximamente novos dispositivos en diferentes puntos da parroquia de San Salvador. Estes recipientes situaranse na Praza de Ferreirós, no parque Ankar e tamén na Rúa Miño, situada nas inmediacións da Praza Riestra, na Caeira. A día de hoxe, a mestra composteira encargada de xestionar o dispositivo estima que son preto de 30 as vivendas que fan uso do composteiro comunitario de Rosalía de Castro, unha cifra que, en realidade, probablemente sexa moito maior, xa que, tal e como explica a tenente de alcalde, Chelo Besada, “sabemos de xente que fai uso do composteiro polas tardes, fora do horario habitual da mestra composteira”. A medida de habitantes por cada unha destas vivendas é de tres persoas.

Logo da súa estrea o pasado 28 de outubro, o número de persoas interesadas na súa utilización foi aumentando de xeito progresivo, de aí que se faga necesario a dotación de novos Centros de Compostaxe Comunitarios. A mestra composteira, Susana Terrón, explica que a xente participante pode solicitar o compost, vía telefónica ou por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) para o seu uso en macetas e hortas. Cando un usuario ou usuaria deposita os restos no recipiente, tómanselle os seus datos persoais e se lles pregunta se están interesados no uso do compost. O Concello salienta que os participantes están a seguir de xeito axeitado as normas de uso. “Apenas se localizan impropios (plásticos ou outros materiais que non se poden tratar neste tipo de dispositivos) e a xente tapa correctamente co estruturante. O interese é palpable”, salienta  a mesta composteira.

A posta en marcha do composteiro comunitario ponse en marcha despois de que o Concello levase a cabo hai unhas semanas unha campaña informativa que se enmarca dentro da súa folla de ruta para continuar implantando e consolidando a compostaxe no municipio. A Concellería de Obras e Servizos enviou unhas 300 cartas e dípticos informativos veciños que residen na contorna de Ferreirós. A medio prazo, a intención da Administración local é habilitar máis dunha ducia de composteiros comunitarios no termo municipal, así como incrementar o reparto de unidades individuais (na última década xa se repartiron preto de 400).

Besada lembra que actualmente a materia orgánica supón preto do 50% do peso total da bolsa do lixo. Isto implica que miles de toneladas de restos orgánicos van a parar á incineración, o que supón un custe moi elevado. “Polo tanto, a eficacia na nosa xestión de residuos para a mellora ambiental a través da compostaxe tamén redundará no aspecto económico, xa que reduciría de xeito drástico o custo do tratamento de Residuos Sólidos Urbanos”, indica a tenente de alcalde de Poio.