fbpx

A campaña Festas de Poio Seguras acadou unha estrea nos festexos de San Xoán que resultou moi positiva. O ‘Punto lila’ habilitado nas inmediacións da explanada da Seca durante as noites do 25 e do 26 de xuño, coincidindo cos concertos das orquestras Panorama, Capitol e París de Noia, prestou asesoramento a máis de medio milleiro de persoas de diferentes idades. “Ademais, non se rexistrou ningunha incidencia”, sinala a tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), que lembra que esta iniciativa, que terá continuidade o 26 e 27 de agosto durante o Festival Armadiña Rock de Combarro, ten como obxectivo ofrecer  información e asesoramento sobre prevención de violencias machistas e de promoción da igualdade.



O alcalde de Poio, Luciano Sobral, asistiu hoxe ao tradicional acto de izado da bandeira azul da praia de Cabeceira, na parroquia de San Salvador. O rexedor municipal lembrou que o areal poiense é un dos grandes referentes da ría de Pontevedra, “pola calidade da súa augas, os servizos e a tranquilidade que ofrece”, destacando que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) leva xa máis dunha década recoñecendo a este espazo con este distintivo de calidade.

O Concello de Poio informa da convocatoria dunha mobilización, fixada para o martes 5 de xullo, ás 20.00 horas, para esixir a reapertura da explanada do peirao da Canteira, utilizada habitualmente como estacionamento e que desde hai días foi pechada por Portos de Galicia para a realización das obras do novo emisario. O Goberno local defende a importancia desta actuación para a ría de Pontevedra, pero ten claro que o feito de realizala en plena tempada estival supón “un prexuízo irreparable” para a dinamización e a actividade económica de Combarro, polo que aposta por buscar outras alternativas que permitan o uso da explanada e non colapsen a mobilidade e o tráfico na contorna.

Xa está todo listo para que, un verán máis, a parroquia de San Salvador acolla unha das citas de referencia do programa Verán en Poio. Será a vindeira semana cando se celebre a terceira edición do Festival Sons de Ánkar, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Festexos, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, e que este ano “cobra unha nova dimensión”, tal e como sinalou o titular da área, o nacionalista Xosé Luís Martínez, toda vez que se trata da primeira edición que se celebra sen as restricións derivadas da pandemia da COVID-19. O edil do Goberno local presentou a cita este venres, acompañado polas tamén nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, responsables das áreas de Normalización Lingüística e Cultura, respectivamente.

A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, impulsa o proxecto ‘Da túa man’, unha campaña que está encamiñada a impulsar a actividade, a visibilidade e o desenvolvemento no que a novas tecnoloxías se refire, entre outros aspectos, dentro do comercio local. Tal e como adiantou o titular responsable deste departamento, está previsto que a través deste programa proximamente se desenvolvan diferentes accións e iniciativas para os e as profesionais deste sector. “Xa tivemos unha primeira reunión informativa con responsables da Asociación de Empresarios EnPoio para adiantarlles algúns detalles e a acollida resultou positiva”, sinala Agís Gómez, que adianta que nas vindeiras semanas convocarase un novo encontro para dar a coñecer máis polo miúdo a folla de ruta a seguir a través desta campaña.