fbpx

A Concellería de Obras e Servizos Municipais, dirixida polo socialista Julio Casás, informa de que a partires da vindeira semana xa estarán a disposición da veciñanza as dez biotrituradoras que o Concello de Poio adquiriu recentemente, ao abeiro dunha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos. A contía total supera os 77.000 euros, que tamén se invisten en actuacións como a adquisición de composteiros individuais e a instalación de dispositivos comunitarios.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), informa de que a pista polideportiva situada na Granxa, na localidade de Campelo, conta desde hai uns días cun novo peche e rede a modo de cuberta. Trátase dunha actuación que o Concello levou a cabo para garantir a convivencia entre os usuarios e usuarias destas instalacións e a veciñanza, no que é un dos grandes puntos de encontro existentes neste núcleo da parroquia de San Xoán.


O alcalde de Poio, Luciano Sobral, fixo entrega este martes do título que acredita a Magín Froiz como Fillo Adoptivo, facendo así realidade o acordo plenario acadado a finais do ano pasado coa unanimidade de toda a Corporación municipal. Foi nun acto íntimo de recoñecemento que se celebrou no Casal de Ferreirós, e que contou coa presenza dos membros do Goberno local e da oposición. O diploma acreditativo foi recollido por Pepa, a muller do histórico empresario, falecido en marzo de 2022, e que estivo acompañada de varios familiares, así como polo responsable do GD Supermercados Froiz, Evaristo Portela.

VER GALERÍA

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este mércores boa parte da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, unha iniciativa que fará que actúen no municipio, en diferentes datas, orquestras e grupos musicais moi coñecidos e de gran relevancia “máis aló das nosas fronteiras”. Tal e como xa se tiña anunciado, a batería de concertos dará comezo o 31 de marzo e concluirá o 16 de maio.

Os concelleiros responsables de Urbanismo e de Obras, os socialistas Gregorio Agís e Julio Casás, supervisaron este martes os traballos que xa se están a acometer na parroquia de Samieira para dotar á ruta dos muíños dunha nova senda peonil, que servirá para enlazar este emprazamento de referencia co lugar do Laño, nas proximidades da PO-308. Os edís do Goberno municipal lembran que a actuación foi adxudicada á empresa Servicios Medioambientales del Miño Sociedad Limitada e contan cun prazo de execución de tres meses, polo que, se non se producen imprevistos, este novo espazo estará operativo antes do verán.