A Aula Cemit de Combarro, situada na antiga Escola do Campo, ofrecerá durante o mes de marzo, desde o vindeiro luns día 6 ata o xoves 30, ata dez cursos de formación gratuíta. En total, son 60 horas nas que se abordará o manexo de diferentes aplicativos e programas informáticos. Ademais, tal e como lembra o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xulio Barreiro (BNG), seguirá operativa a Aula Aberta, con acceso libre previo rexistro do usuario ou usuaria, de luns a venres entre as 19.30 e as 21.00 horas. Nese horario tamén estarán as instalacións operativas para acoller cursos ou iniciativas organizadas por parte de asociacións e organizacións do concello, previa solicitude.
A tenente de alcalde e responsable de Turismo e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio); e o edil de Pesca e Marisqueo, Julio Casás (PSdeG-PSOE) recibiron na mañá deste venres a placa que corrobora a adhesión da Casa Museo de Colón, situada en Portosanto, á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), creada a través do proxecto de cooperación interterritorial Morada Atlántica, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Este sábado, día 4 de marzo, a programación de Entroido de Poio vivirá un dos seus momentos máis emotivos, coa despedida de Fodorico Augusto Bastante. Será entón cando teña lugar o Enterro do Galo, unha iniciativa organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Ronsel e o Concello, a través da Concellería de Cultura. A edil responsable da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, acompañada por responsables do colectivo local, pola concelleira Marga Caldas e polo alcalde, Luciano Sobral, deu a coñecer este xoves os detalles do que sen dúbida é un dos eventos estrela dun programa dos programas lúdicos destas datas de referencia na bisbarra de Pontevedra. PROGRAMA
A Concellería de Mocidade, coordinada pola socialista Rosa Fernández, informa da apertura do prazo de inscrición de varios cursos de formación, que darán comezo ao longo das vindeiras semanas. O primeiro deles será o habitual curso oficial de monitor ou monitora de tempo de lecer, no que o alumnado aprenderá a desenvolver traballos de animación, ludotecas ou labores en comedores escolares. Terá un contido de 200 horas teóricas e 150 de carácter práctico. As clases iniciaranse o 20 de marzo, na finca de Besada, en horario de 9.30 a 13.30 horas, ata primeiros de xuño. Impatirán as sesións responsables da entidade ‘Argalladas’ e o custe será de 150 euros por persoa, estando parcialmente subvencionado.
A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, anima ás familias de Poio a matricular, de cara ao vindeiro curso lectivo 2023-2024, aos seus fillos e fillas nos CEIPS existentes no municipio. Neste sentido, a edil do BNG lembra que son varios os colexios que nestas datas están a celebrar xornadas de portas abertas, polo que "é unha oportunidade excelente para que as nais e pais poidan coñecer de primeira man as instalacións, os servizos e as actividades que se levan a cabo durante o curso".