O Concello de Poio vén de recadar un total de 4.341 euros , que serán destinados á ONG Mozambique Sur, co obxectivo de axudar aos preto de 150 menores que forman parte do orfanato Casa do Gaiato. Esta axuda reúnese a través da campaña solidaria ‘Eu Son Gaiat@’, impulsada de xeito transversal polas áreas de Servizos Sociais, Benestar Social, Mocidade, Igualdade, Participación Veciñal, Educación e Deportes. A iniciativa levouse a cabo a raíz do traballo de campo que desenvolveu no país africano a directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales, durante un proxecto de colaboración realizado co Fondo Galego de Cooperación, ao cal o Concello leva adherido desde hai máis de dúas décadas.
A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), acompañada pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Lidia Fazanes, deu a coñecer este venres a programación que desde este departamento municipal se organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O programa inclúe actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes, entre as que non faltarán sesións de contacontos nos centros educativos ou o habitual acto institucional ás portas do Consistorio, o propio mércores 8 de marzo.
A tenente de alcalde e responsable de Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), visitou este mércores as remodeladas dependencias do local social de Tarrío, no que o departamento municipal vén de promover unha importante reforma. Díaz desprazouse ata o inmoble, situado na parroquia de Samieira, para dar a benvida ao alumnado do Programa Saudemente, que retoman a súa actividade nestas dependencias unha vez concluídas as tarefas, e estivo acompañada pola edil de Benestar Social, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), e o concelleiro de Obras, o tamén socialista Julio Casás.
A Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), continúa dando pasos para reforzar a filosofía que desde o Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS) se impulsa co obxectivo de consolidar a Poio como un concello amable co medio ambiente, seguro e con mobilidade e accesibilidade para toda a cidadanía. Nesta liña, o departamento municipal proxecta tres novas actuacións para dar continuidade a outras obras similares xa rematadas ou en marcha, como as executadas nos núcleos da Seara (San Xoán), Caneliñas (Raxó), Adro - Porteliña ou A Puntada, Portosanto e A Seara (San Salvador).
As formacións impulsadas a través da segunda edición do programa Descubre Poio, promovido pola Concellería de Turismo, xa están en marcha. A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa para profesionais do sector, que se centrou no uso das redes sociais. A cita, na que tomou parte a tenente de alcalde e concelleira delegada da área, Silvia Díaz (Avante Poio), estivo ao cargo de Alberto Ribas, ‘Alvientooo’, un ‘blogger’ especialista en viaxes e creador de contidos veciño de Poio.