fbpx

Unha lectura de poemas e dun manifesto, sesións de contacontos para as crianzas e a campaña #FalaBonito son algunhas das iniciativas que este ano o Concello de Poio impulsa para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro xoves 23 de febreiro. Unha programación que nesta edición leva como eslogan ‘Rosalía saca a lingua’. A concelleira de Dinamización Lingüística, Raquel Rodríguez (BNG), acompañada pola tamén nacionalista Marga Caldas e a responsable da Biblioteca Municipal, Macarena Ferreiro, deu a coñecer as iniciativas a desenvolver ao longo desta semana, que se suma á campaña #FalaBonito, xa posta en marcha nos centros educativos de Poio co obxectivo de incidir na promoción e fomento da utilización da lingua galega entre o alumnado.

O concello de Poio contará por primeira vez neste 2023 con dous Sendeiros Azuis. Así o confirma o alcalde, Luciano Sobral, que informa de que ao distintivo acadado en 2022 para o paseo litoral entre A Seca e Lourido súmase nesta ocasión o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, cuxa primeira etapa pasa polo municipio poiense, ata chegar ao Mosteiro da Armenteira (Meis). Este selo de calidade é outorgado cada ano pola Asociaicón de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), a través do cal recoñécense os recursos naturais, ambientais e de lecer que presentan este tipo de espazos ao aire libre. O rexedor participará o vindeiro 24 de febreiro no acto de entrega das bandeiras, que terá lugar en Santiago de Compostela.

O proxecto VITA, que desde finais de 2022 se imparte no Centro de Formación da Reiboa con sesións presenciais e telemáticas, é unha formación ofertada a través da Concellería de Promoción Económica se pretende achegar ás persoas emprendedoras ferramentas que axuden a consolidar o crecemento da riqueza e da dinamización comercial, turística e empresarial en Poio. As sesións son impartidas por Carla d’Pont, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Vigo e que conta con máis de oito anos de experiencia internacional en comunicación e ventas en Austria.

O Entroido xa está en marcha en Poio. O pistoletazo de saída tivo lugar este domingo, coa recuperación do tradiciónal Desfile, que dá inicio a unha programación que se prolongará ata ben entrado o mes de marzo. Centos de persoas congregáronse entre a Praza da Granxa de Campelo e A Seca para gozar cos espectáculos, os disfraces, os deseños e o colorido da espectacular comitiva, que contou cunha alta participación. O Concello de Poio repartiu máis de 6.500 euros en premios entre os mellores disfraces, elixidos polo xurado formado polos membros da Comisión de Cultura.

VER ALBUM COMPLETO

Preto de 800 vivendas de Poio contan a día de hoxe cun composteiro individual. “É unha cifra importante, que aspiramos a que continúe medrando, dado o interese e a demanda que están a ter este tipo de recipientes”, explica o concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás. Foi no ano 2011 cando o Concello de Poio, a través deste departamento municipal, iniciou unha campaña para o reparto gratuíto dos ‘COIN’. A aquelas primeiras 53 unidades fóronlle seguindo máis lotes, obtidos a través de diferentes liñas de axuda ou da empresa Valoriza, responsable da recollida e tratamento do lixo no municipio.