fbpx

Xa está todo listo para que Poio acolla o vindeiro domingo, día 29 de maio, a Carreira dos Corvos Poio Móvete – I Memorial Alfonso Bellón, organizado polo Club Triatlón Poio, en colaboración co Concello. Trátase dunha proba que, ademais do seu carácter competitivo, tamén conta cun importante espírito altruísta, xa que na inscrición habilitouse un Dorsal Solidario para recadar fondos que irán destinados á Asociación Galega contra Enfermidades Neuromusculares (ASEM). A competición, asemade, resultará especial polo feito de servir como homenaxe póstuma ao mozo de Raxó Alfonso Bellón ‘Capi’, falecido a principios deste ano vítima dunha doenza grave. Esa enfermidade, non obstante, non lle impediu ser un gran seguidor do deporte e, máis concretamente, do Club Triatlón Poio.

A Concellería de Benestar Social, dirixida pola socialista Rosa Fernández, vén de poñer en marcha neste mes de maio o Punto Amigable Tecnolóxico. Trátase dunha iniciativa pensada para as persoas maiores e que ten coma obxectivo ofrecerlles ferramentas e o asesoramento necesario para que se poidan familiarizar co manexo de ordenadores e teléfonos móbiles de última xeración. As sesións impártense todos os mércores, de 17.00 a 19.00 horas, na aula de informática do Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó. A inscrición é totalmente gratuíta. As anotacións poden realizarse chamando ao teléfono 986872401.



O Concurso de Carteis de San Xoán xa ten gañadora. O deseño elixido polo xurado, composto por membros da Corporación e pola técnica de Cultura, foi o realizado por Inés Vázquez, alumna do CEIP Chancelas de Combarro. A súa proposta foi a que obtivo unha maior valoración nunha edición que rexistrou un nivel de participación “moi alto e de gran calidade”, tal e como apunta o presidente do xurado e concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez. Un total de 214 mozos e mozas tomaron parte nun certame que “este ano é moi especial, xa que, despois de dúas edicións marcadas pola pandemia da COVID-19, estamos en disposición de recuperar a programación habitual da que sen dúbida é unha das festas máis importancias do noso municipio”, recalca Martínez Blanco.

O local social de Campelo acollerá durante os días 27, 28 e 29 de maio e 3, 4 e 5 de xuño o programa Verbas de Muller, unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Arela e que se financia a través da liña de axudas que, por segundo ano consecutivo, impulsa a Concellería de Igualdade para promover a realización de actividades e eventos que axuden a fomentar e impulsar a igualdade de oportunidades e o empoderamento feminino. Ademais, a Concellería de Cultura financia as actuacións musicais previstas durante estas xornadas, a través do seu Plan Músico-Cultural.

O Pleno ordinario de maio, que terá lugar o vindeiro día 31, abordará unha modificación orzamentaria, que servirá para incrementar ou dotar de financiamento a diferentes actuacións de interese. Unha das principais corresponde ao proxecto impulsado polo Concello de Poio para a posta en valor e mellora do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que foi o responsable de impulsar esta actuación, o importe adicional que se gaña a través desta modificación ascende a preto de 150.000 euros, que proveñen do Remanente de Tesourería resultante da Liquidación do Orzamento municipal de 2021.