fbpx

Preto de 90 alumnos e alumnas do IES de Poio participaron este luns no obradoiro afectivo-sexual impartido pola psicóloga especializada Andrea Sieiro. As sesións, de 50 minutos de duración, leváronse a cabo en catro grupos diferentes. Esta iniciativa está organizada pola Concellería de Educación e ten coma obxectivo ofrecer aos mozos e mozas do instituto contidos específicos para achegar ferramentas á mocidade que lles facilite a identificación e eliminación de situacións de riscos ou abusos sexuais, ao mesmo tempo que se afonda en cuestións como as enfermidades de transmisión sexual ou prevención de embarazos.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), mantivo hai uns días unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Pontevedra Amizade, na que se abordaron diferentes cuestións, en camiñadas a garantir a mobilidade e a eliminación de barreiras que afecten ás persoas que padecen este tipo de doenzas. Na cita tamén estiveron presentes o enxeñeiro municipal e o responsable da Policía Local.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), visitou hai uns días A Caeira para pasar revista a unha parcela na que o Concello de Poio proxecta habilitar hortas urbanas. Tal e como lembra o edil do Goberno local, trátase dun espazo que na actualidade xa é utilizado por un grupo de residentes para cultivar. “A idea é aumentar este tipo de espazos no municipio e que conten con todo o equipamento necesario para poder consolidar este tipo de hortas, dando así resposta a unha demanda veciñal”, explicou.

O municipio de Poio está a experimentar un importante crecemento no que a actividade do sector produtivo local se refire, tal e como reflicte o aumento de sociedades mercantís creadas no que vai de ano. Segundo os datos publicados no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), entre os meses de xaneiro e abril fundáronse un total de 17 entidades deste tipo (7 en xaneiro, 1 en febreiro, 5 en marzo e 4 en abril). Só Sanxenxo, con 25, e Barro (18) melloran esta cifra na contorna. O rexistro está moi afastado do acadado por outros concellos da bisbarra como Cerdedo-Cotobade (6), Ponte Caldelas (4), Vilaboa (4) ou nas proximidades, como é o caso de Marín ou O Grove, ambos con 6.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, participou este xoves nunha videoconferencia organizada polo Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, Arxentina. Este encontro virtual, realizado para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, escritor ourensán ao que se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas, resultou moi especial, ao contar tamén coa participación do fillo adoptivo de Poio Adolfo Pérez Esquivel, gañador do Premio Nobel da paz no ano 1980 e creador da escultura existente no Parque da Memoria.