fbpx

O Concello de Poio está a traballar na elaboración dun estudo técnico de xestión e prevención de residuos municipais. O concelleiro responsable da área de Obras e Servizos, Julio Casás (PSdeG-PSOE), explicou que o primeiro paso acaba de darse nos últimos días, coa aprobación en Xunta de Goberno da adxudicación deste servizo. A empresa viguesa Examio Sociedad Limitada será a encargada de realizar este informe. O investimento ascende a algo máis de 7.000 euros, IVE engadido.

O Concello de Poio e a Asociación Amicos irán da man á hora de establecer actuacións e iniciativas que sirvan para favorecer ás persoas que padecen algún tipo de discapacidade, ao mesmo tempo que se implican no desenvolvemento de actividades a prol das boas prácticas medioambientais, a recuperación de zonas verdes e a concienciación escolar. Estes son algúns dos detalles do convenio de colaboración que este xoves asinaron a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez (BNG), e o coordinador de Orientación Laboral deste colectivo, Keltoi Cameán. Ambos coincidiron á hora de salientar a importancia de promover unha concienciación na cidadanía, especialmente no eido educativo, para apuntalar a inclusión “como motor de cambio na nosa sociedade”.

Máis de 200 estudantes de diferentes idades do tecido educativo de Poio participarán ao longo das vindeiras semanas en dúas iniciativas impulsadas desde a Concellería de Educación, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez. Trátanse de dous obradoiros que versan, respectivamente, sobre a intelixencia emocional e sobre a importancia da educación afectivo-sexual na adolescencia. O primeiro destes talleres está dirixido a rapazas e rapaces de Educación Primaria, mentres que o segundo desenvolverase no IES de Poio.

A Concellería de Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, informa de que proximamente se desenvolverá na Finca de Besada un curso de formación en primeiros auxilios. En principio, está previsto que as sesións, que serán impartidas por integrantes da Cruz Vermella, teñan lugar os martes e xoves, de 16.30 a 20.30 horas. A formación está dirixida a persoas maiores de 16 anos e ofrece contidos e técnicas básicas para poder actuar en situacións de emerxencia. A duración do curso será de 40 horas e terá un prezo de 55 euros. A inscrición está parcialmente subvencionada polo propio departamento de Mocidade.

O Concello de Poio proxecta levar a cabo unha ampliación no Camiño Banda do Río, en Campelo, co obxectivo de que exista un espazo suficiente que garanta o paso dos vehículos de emerxencias e doutros servizos de importancia, ao mesmo tempo que se mellora a seguridade viaria e peonil. Este será un dos puntos a abordar na Comisión de Urbanismo que se celebra este mércores, 18 de maio. Tal e como consta no informe elaborado polo enxeñeiro municipal, o tramo do camiño no que se pretende actuar atópase entre unha marxe de vivendas a un lado e un muro de peche por outro.