A dez días de finalizar o primeiro trimestre de 2023 o servizo de recollida de voluminosos, unha prestación gratuíta da que se poden beneficiar a veciñanza de Poio para desprenderse de diferentes restos de gran tamaño, está a traballar a pleno rendemento. Segundo un informe elaborado pola empresa responsable do tratamento e retirada de residuos no concello, Valoriza, ata o pasado 15 de marzo xa se tiñan retiradas un total de 29,66 toneladas de restos. O 50% desta cantidade corresponde a mobles antigos, destacando tamén as cantidades de chatarra (case 9 toneladas). Os colchóns, electrodomésticos e restos sanitarios completan o listado.
O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, vén de anunciar o cartel completo do Festival Sons de Ánkar, que chega á súa cuarta edición e que este ano presenta varias novidades no que ao seu formato e datas de celebración se refire. Tal e como xa se adiantou hai uns meses, a cita será o vindeiro 29 de abril no parque de Ánkar, en San Salvador, con entrada de balde. Ademais das Tanxugueiras, xa anunciadas no seu día, tamén actuarán en Poio outros dous grandes referentes da música do país, como son Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre e Treixadura. Os concertos darán comezo a partires das 19.00 horas.
A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, informa de que o Concello de Poio continúa completando pasos de cara a completar a tramitación necesaria para poder acometer o proxecto remodelación integral das pistas de tenis de Monte Baldío, na parroquia de Raxó. Segundo apuntou este venres a edil responsable desta área, a Administración local xa remitiu as solicitudes de autorización para as obras ás Consellerías de Educación e de Medio Ambiente, dependentes da Xunta de Galicia.
Neste mes de marzo deron comenzo os traballos para facer realidade a recuperación do espazo situado nas inmediacións da antiga escola unitaria de Tarrío, pertencente á parroquia de Samieira. Trátase dun proxecto impulsado a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), para o cal se realiza un investimento superior aos 91.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O propio Agís, acompañado polo responsable de Obras e Servizos, o tamén socialista Julio Casás, visitou estes días a zona para comprobar o avance das tarefas.
A empresa Valoriza, responsable da xestión de residuos e recollida do lixo no municipio de Poio, está estes días a proceder coa limpeza e posta a punto dos contedores repartidos por todo o ámbito xeográfico do concello. Precisamente, o concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, supervisou na mañá deste xoves as tarefas de limpeza que se levaron a cabo no lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro.