fbpx

O Concello de Poio, a través da Concellería de Participación Veciñal,  Transparencia e Espazos Cidadáns, está traballando nunha mellora da rede de locais municipais, da que forman parte arredor dunhas 20 instalacións aproximadamente. A titular desta área, Silvia Díaz, explica que as actuacións que se están levando a cabo inclúen medidas físicas, como a dotación e instalación de carteis  informativos e dotación de xel hidroalcólico, e outras en clave organizativa, como a elaboración de protocolos para os colectivos e asociacións que soliciten permiso para a realización de actividades nestas dependencias. Neste sentido, cómpre lembrar que as instalacións permanecen pechadas temporalmente, como medida preventiva contra a propagación da COVID-19.

O Concello de Poio vén de adxudicar o contrato de mantemento integral dos ascensores cos que conta a Administración local nas instalacións de titularidade municipal. Deste xeito, a partires de agora será a adxudicataria, Mantenimiento, Soluciones Construtivas y Asesoría Sociedad Limitada, a encargada de velar pola posta a punto destas infraestruturas. O Goberno local explica que o feito de sacar este servizo a licitación servirá para conseguir un importante aforro no desenvolvemento destas tarefas. A contía da adxudicación ascende a un total de 6.882,48 euros, unha contía que é sensiblemente inferior aos investimentos que se fixeron nos últimos anos á hora de acometer reparacións ou melloras nos elevadores.