fbpx

O Concello de Poio vén de adxudicar o contrato de mantemento integral dos ascensores cos que conta a Administración local nas instalacións de titularidade municipal. Deste xeito, a partires de agora será a adxudicataria, Mantenimiento, Soluciones Construtivas y Asesoría Sociedad Limitada, a encargada de velar pola posta a punto destas infraestruturas. O Goberno local explica que o feito de sacar este servizo a licitación servirá para conseguir un importante aforro no desenvolvemento destas tarefas. A contía da adxudicación ascende a un total de 6.882,48 euros, unha contía que é sensiblemente inferior aos investimentos que se fixeron nos últimos anos á hora de acometer reparacións ou melloras nos elevadores.



O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde, Chelo Besada, pasaron revista ao Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, no que se levou a cabo unha importante actuación de reforma e melloras. Grazas a estes traballos, as dependencias contan con novas aulas e equipamento, que, segundo explicou Agís, “servirán para mellorar o servizo que se presta á veciñanza e a comodidade tanto dos usuarios e usuarias das iniciativas que se desenvolven aquí como para o persoal”. Cómpre lembrar que é aquí onde realiza o seu labor, por exemplo, o Programa Integrado de Emprego (PIE) de Poio, e onde se levan a cabo durante todo o ano diferentes cursos e obradoiros de carácter formativo ou de orientación laboral.